Saturday 18 de May de 2024

San Sadurniño licita un sistema de xestión remota da rede de abastecemento municipal


O equipamento, composto por válvulas e medidores remotos controlados por software, permitirá detectar fugas con maior precisión e sectorizar os cortes no servizo

O investimento ascende a 49.355,57 euros, cofinanciados coa achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local

As empresas teñen até o próximo 29 de xullo para presentar as súas ofertas

O Concello de San Sadurniño publicou hoxe mesmo os pregos técnicos e administrativos para contratar as obras de modernización e mellora do abastecemento municipal, co obxectivo de detectar fugas e poder sectorizar de maneira precisa as interrupcións do servizo no caso de avarías. O investimento aproximarase aos 50.000 euros, cofinanciados cunha achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local que tamén permitirá reparar a envolvente e máis o sistema de calefacción do edificio anexo ao pazo consistorial, neste caso co obxectivo de incrementar a súa eficiencia enerxética.

O proxecto de reparación do inmoble que acolle a EIM A Rolada e o Centro Municipal de Empresas sairá publicado proximamente na plataforma de contratación pública por un prezo de 199.512,69 euros, impostos incluídos. Desa contía o Concello porá 59.000 euros de fondos propios, mentres que os 140.000 restantes proveñen da axuda autonómica.

A licitación que está en marcha xa -as empresas teñen até o día 29 de xullo para presentar ofertas- é a das melloras na rede de abastecemento, coas que se busca minimizar as perdas de auga por medio dun sistema que axude a detectar de inmediato as posibles roturas que se produzan.

Segundo se describe nos pregos, a primeira actuación prevista é a instalación de contadores de auga nas captacións do bombeo do Albeiro e do manancial por gravidade do Camiño Arriba para rexistrar con precisión os caudais que entran na potabilizadora da Agra procedentes deses dous puntos. En ambos lugares colocaranse medidores electrónicos e tubaxes novas.

Continuando co percorrido da auga, na ETAP tamén se instalarán dúas válvulas motorizadas -unha para cada captación- que irán conectadas ao sistema de telecontrol da potabilizadora. A súa función será a de xestionar a distancia o nivel dos depósitos, con posibilidade de establecer parámetros máximos e mínimos aos que deberán activarse para abrir ou pechar o fluxo de auga. Ademais, tamén se colocarán dous contadores independentes para, no caso de fuga, saber en cal das dúas bifurcacións existentes se está producindo a perda de auga.

Porén, a partir dos depósitos principais, xa na rede de abastecemento propiamente dita, tamén se instalarán cinco medidores de caudal remotos coas súas correspondentes válvulas, de modo que o cotexo constante de datos rexistrados e enviados en tempo real a un software específico permita saber de forma precisa o lugar onde exista unha rotura. O equipamento incluso servirá para indicar zonas concretas onde as conducións soterradas teñan algunha fisura por onde a auga se estea filtrando ao subsolo.

Ao igual que na ETAP, as válvulas distribuídas pola rede poderán activarse a distancia para sectorizar os cortes de auga no caso de ter que facer algunha reparación, o que evitará interromper o servizo en todo o abastecemento mentres se busca e se arranxa a fuga. Tal e como explicaba hai unhas semanas o alcalde, Secundino García, os equipos que se van instalar en distintos lugares das inmediacións do núcleo urbano “permitirannos ir a tiro fixo onde estea a incidencia e corrixila no menor tempo posible e tamén con custes máis axustados”, explica Secundino García.

Con esta actuación dáselle cumprimento a unha parte importante das recomendacións incluídas na auditoría efectuada polo Concello -cunha subvención de Augas de Galicia- coa finalidade de analizar as eivas do abastecemento público e, a partir dese estudo, ir mellorando a xestión dos recursos hídricos, ademais de avanzar no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU relacionados co uso responsable e eficiente da auga.

Toda a documentación técnica e administrativa do contrato licitado polo Concello pode atoparse nesta ligazón. O investimento está orzamentado en 49.355,57 euros, impostos incluídos. Arredor de 46.000 sufragaranse coa achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local.

O prazo para achegar ofertas económicas -obrigatoriamente por vía electrónica- remata ás 23:59 horas do próximo 29 de xullo.